[inicio]

Presentación
Novas
Directorio
Enlaces de interese
Contacto
 
Nome
Apelidos
Área

Presentación

A Cuarta Conferencia Mundial sobre as Mulleres, celebrada en Pekín, China, en setembro de 1995, estableceu unha axenda para a participación das mulleres, denominada Plataforma de Acción. As súas accións pretenden o serio compromiso de tódolos sectores, públicos e privados, na erradicación daqueles obstáculos que aínda perviven para a activa participación das mulleres en tódalas esferas da vida, a través dun equilibrio no acceso á toma de decisións no eido económico, social, cultural e político.

En cada área de traballo establecida -o crecemento da pobreza entre as mulleres, a desigualdade e o acceso desigual á educación e á formación, a desigualdade no acceso ao coidado sanitario, a violencia contra as mulleres, os efectos dos conflitos armados nas mulleres, a desigualdade no acceso ás actividades produtivas e recursos, a desigualdade na toma de decisións, a insuficiencia dos mecanismos para promover o avance das mulleres, a inaxeitada promoción e protección dos dereitos humáns das mulleres, os estereotipos e a desigualdade no acceso aos medios de comunicación, as desigualdades na xestión dos recursos naturais e a protección do medio ambiente e a discriminación e violación dos dereitos das nenas- diagnostícanse os problemas para a participación das mulleres e establécense obxectivos estratéxicos a conquerir a través de accións concretas que deben ser realizadas por diferentes axentes.

O potencial dos medios de comunicación para contribuír ao avance das mulleres no mundo foi recoñecido, pola incidencia que as súas mensaxes teñen nas políticas, nas actitudes privadas e no comportamento das persoas, moi particularmente na infancia e na xuventude. Pero ao mesmo tempo púxose de relevo o pesado fardo que supón aínda a repetición nos medios de imaxes negativas ou estereotipadas das mulleres, que seguen pesando gravemente sobre a imaxe xeral do colectivo.

Os obxectivos estratéxicos sobre os medios de comunicación foron o aumento da participación e do acceso das mulleres á expresión a través dos medios e á toma de decisións, ademais da promoción dunha imaxe equilibrada e non estereotipada das mulleres.

Entre as accións propostas para aumentar a participación e o acceso das mulleres á expresión e á toma de decisións nos medios de comunicación, está a creación de directorios de expertas. É unha evidencia constatada en case tódalas sociedades que é necesario articular mecanismos para loitar, en primeiro lugar, contra os estereotipos sobre as mulleres e as actividades que realizan, xa que se trata de ideas preconcibidas ancoradas no pasado e que nada teñen que ver co papel cada vez máis importante que as mulleres teñen en tódolos ámbitos da nosa sociedade. Ao mesmo tempo, é importante tamén realizar accións que leven a unha maior visibilidade da realidade das mulleres na nosa sociedade, as súas tarefas, os seus logros e as súas actividades.

Co Directorio de Mulleres Expertas que presentamos, o que pretendemos é precisamente dotar aos medios de comunicación dunha ferramenta que permita a procura da opinión experta entre o colectivo das mulleres, visibilizando o importante número de mulleres na nosa Comunidade Autónoma que teñen méritos abondo para seren consideradas expertas na materia á que adican os seus esforzos profesionais. Preténdese así, dun xeito moi sinxelo, incorporar aqueles rasgos mais importantes do curriculum profesional dunha muller e os seus datos de contacto, para que o medio de comunicación correspondente, no momento que queira conquerir unha opinión experta sobre un tema concreto, poida atopala facilmente e así, contribuír a unha maior e mais real visibilización do traballo e o esforzo das mulleres galegas. O uso do directorio como ferramenta de busca desa opinión experta vaise acordar cos diferentes medios de comunicación, igual que se ten xa traballado con eles na elaboración da propia ferramenta, para que respostase axeitadamente ao sistema de traballo dos e das profesionais que van facer uso dela.

O traballo realizado para a procura dos nomes que compoñen este directorio non é mais ca unha primeira aproximación. O directorio está aberto a novas e continuadas incorporacións, que o farán máis completo, actualizado e útil, na nosa tarefa por conquerir un maior espazo para as mulleres nos medios de comunicación, que poda axudar a eliminar, a través da difusión do rigoroso traballo e adicación que hai detrás de cada unha delas, os estereotipos que aínda nos vencellan exclusivamente ao ámbito privado, do coidado e do fogar.

A concepción da cualidade de experta ten sido, desde o comezo do traballo de elaboración deste directorio, aberta e non exclusiva. Desde a incorporación de mulleres cun perfil claramente técnico -profesoras de universidade, investigadoras, profesionais vencelladas a carreiras habitualmente consideradas como masculinas- a outras vencelladas a outros eidos considerados tradicionalmente como mais femininos, a nosa vontade é que sexa posible atopar calquera tipo de perfil, desde as profesionais da investigación ata as directivas de asociacións.

A tarefa non é doada, pero en cambio enormemente ilusionante. Cada muller participante no proxecto, cada opinión verquida despois da solicitude desde un medio de comunicación, está colaborando na tarefa máis gratificante de todas, a de conquerir que a sociedade na súa totalidade sexa consciente do decisivo paso que as galegas teñen dado nos últimos trinta anos para incorporarse, de xeito igualitario e xusto, á todas as facetas da vida de Galicia.